miércoles, 18 de mayo de 2016

Inauguración Teta e Coliño A Coruña


O pasado 28 de abril tivemos a inauguración da nova sede de Teta e Coliño na cidade da Coruña, no Centro Cívico dos Mallos, á que asistiron unhas 30 familias. 

Noelia Prieto, presidenta da asociación, ofreceunos unha charla-coloquio titulada “Criando e creando vínculos. Crianza consciente e grupos de apoio mutuos”. Nela tratáronse varios temas, coma por exemplo, a maternidade noutras culturas onde as nais tiñan uns referentes e estaban acompañadas, en comparación coa maternidade actual onde a soidade e a falta de empoderamento das nais está presente. Falou tamén sobre a importancia da tribu, sobre a presión que a sociedade exerce sobre as nais as cales teñen que ser as de antes o máis rápido posible, o que moitas veces as levan a utilizar modelos de crianza baseados no adestramento e obxectos que “sustitúen” a presenza da nai. 
Ó final da charla fíxose unha pequena xuntanza onde as familias conversaron acerca das súas experiencias e inquedanzas. 


Recordarvos que as reunións terán lugar no Centro Cívico do Castrillón (Plaza de Pablo Iglesias S/N) os primeiros e terceiros sábados de mes, de 10.30h a 12:30h. Agardámosvos!


domingo, 8 de mayo de 2016

O Banco de Leite do CHUS



O pasado 4 de abril 2016, cinco voluntarias de Teta e Coliño -xunto con compañeiras doutras Asociacións pro-lactancia da provincia de A Coruña- acudimos ó Hospital Clínico de Santiago, convidadas por Olalla López, neonatóloga e coordinadora do futuro Banco de Leite.
A actividade consistiu nunha charla-presentación do proxecto do Banco, que se ubicará na Unidade de Neonatoloxía do Hospital, e que xa ultima preparativos para a súa apertura.
O Banco de Leite comezará cun alcance local, pero espera máis adiante ofrecer os seus servizos a toda a zona Norte de Galicia (provincias de A Coruña e Lugo). Segundo expresou a coordinadora, non se limitará á recollida, procesamento e administración de doazóns de leite materno, senón que realmente vén enmarcado nuns obxectivos máis amplos de promoción e apoio á lactancia.
Durante a súa exposición, Ollala López realizou un percorrido por aspectos como: equipo humano; motivación para a creación do Banco, coa consideración do leite materno como auténtica medicina para as necesidades dos lactantes (expostos a serios riscos en caso de non recibilo); perfil dos destinatarios, con preferencia para bebés moi prematuros e para aqueles con situacións médicas complicadas; requisitos para ser doante; facilidades ofertadas polo Banco para animar as doazóns; protocolo para a extracción do leite, almacenamento e transporte á Unidade; proceso de análise microbiolóxica e método de pasteurización; conservación e administración; control dos resultados, etc.



A continuación, as asistentes tivemos a oportunidade de realizar preguntas, resolver dúbidas e compartir impresións, no que resultou un coloquio a varias bandas moi enriquecedor.
Por último, Olalla acompañounos a coñecer as instalacións do Banco, que ocupan a antes coñecida como “sala de biberonería”. O Banco disporá de dúas pasteurizadoras, varios conxeladores industriais, e outros aparatos para a análise e tratamento do leite; así como dun despacho destinado ás entrevistas coas doantes.


       

As voluntarias Teta e Coliño opinamos que o Banco de Leite trátase unha iniciativa que viña sendo moi necesaria, e que posiblemente movería ás nosas socias e usuarias (a maior parte delas, potenciais doantes). Así que esta vez fomos nós as que estendimos unha invitación á coordinadora a acudir á nosa sede local, que ela de seguida aceptou.


O 4 de maio tivo lugar a charla “Banco de Leite do CHUS” na Casa de Cultura de Milladoiro, sede local de Teta e Coliño. Nesta ocasión achegouse información verbal e visual ás nais interesadas, repartíronse folletos e tamén se seguiu debatindo sobre a realidade da lactancia (en especial no ámbito hospitalario).
Nesta liña, valorouse como establecer colaboracións sinxelas dos nosos Grupos de Apoio Nai-a-Nai co Banco de leite e Neonatoloxía, cun obxectivo en común: traballar pola saúde das familias e por unha maior satisfacción na súa lactancia e crianza. A atención precoz e multidisciplinar, co aproveitamento de todos os recursos do sistema, é un punto clave.



Esperamos compartir moi pronto a nova da apertura do Banco de Leite do CHUS. Animámosvos a contactar xa co seu equipo no seguinte correo: blm.neo.santiago@sergas.es ou no teléfono 981 955 623
Para información máis detallada pódese visitar a páxina do Sergas do Banco de Leite Materno http://goo.gl/pGZ2DK
Tamén vos recomendamos a lectura e consulta da “Guia da lactancia materna” elaborada polo Sergas https://libraria.xunta.gal/es/guia-de-lactacion-materna na cal a nosa asociación colaborou para a súa elaboración.


Os nosos agradecementos a Olalla López, polo seu valioso traballo e a súa dispoñibilidade; así como a todas aquelas persoas que, cada unha desde o seu campo, fan posible que cada vez máis familias se beneficien de mellores prácticas de lactancia e de coidado materno-infantil. O voso esforzó sempre pagará a pena.