lunes, 11 de abril de 2016

Obradoiro de primeiros auxilios en Vigo (fotos)

O pasado día 1 de abril tivo lugar en Vigo, nas instalacións de Vigosónico unha charla-obradoiro de primeiros auxilios en bebés e nenos. Tivemos un gran profesional sanitario como poñente, Pepe Aguilera, enfermeiro do 061 de Galicia e ante todo papá. Pepe explicounos a diferencia entre afogamento e atragantamento, no primeiro caso comprobar se respira, como estimular e no caso de que non haxa resposta como facer unha RCP. Tamén como reaccionar e que facer en casos de, queimaduras, convulsións febrís, caídas, feridas e alerxias.
Os asistentes marcharon da charla cun botiquín en forma de coñecementos que poderían axudalos a salvar a vida dos máis pequenos da casa, ou como pouco evitar un mal rato. 

O público comezou a chegar á hora citada, e pasados os minutos de cortesía comezamos xa coa sala máis chea: mamás, papás, tíos e incluso algún avó que querían estar preparados para calquera situación desagradable relacionada coa saúde dos seus pequenos. No transcurso do obradoiro Pepe invitou a quen quixese a practicar o aprendido en relación á reanimación cardio-pulmonar, e tamén animaba aos asistentes a realizar calquera pregunta que se lles pasase pola cabeza. Tivemos preguntas moi variadas, tan interesantes como: 


    - De canto tempo dispoñemos para reanimar a un bebé ou neno antes de que sexa demasiado tarde? 

    - Por que os procesos febrís son positivos para os nenos e en que situacións hai que intervir con medicación? 
    - Cuestións relacionadas coa cura de feridas: Betadine sí ou non? Auga osixenada? 
     - En que momento debemos acudir a urxencias cando temos un brote alérxico? 

Pepe respondeu a estas e máis preguntas ademais de aclarar temas como a diferencia entre urxencia e emerxencia, por que ante unha urxencia non é aconsellable acudir a un centro de saúde, a imposibilidade de sufrir un atragantamento con determinados alimentos, a importancia de aprender primeiros auxilios dende ben pequenos, cando chamar ao 061 ou ao 112, etc... 


Os asistentes saíron con moita información práctica e moi satisfeitos ao sentirse máis preparados para reaccionar ante as diferentes situacións, algunhas máis cotiás que outras. Esperemos non vivir nunca estas dificultades, pero no caso de facelo, agora sabemos como reaccionar.