jueves, 8 de octubre de 2015

Primeiro aniversario Teta e Coliño Vigo

Este mes de outubro cúmprese 1 ano desde os inicios da nova sede de Teta e Coliño en Vigo. Hora de facer un pequeno balance... sen dúbida moi positivo!

Tras unha inaguración multitudinaria na que demos a coñecer o labor dos grupos de apoio, comezamos a construír unha pequena gran tribu. As reunións quincenais do barrio de Navia, levadas polas asesoras de lactancia Elena, Verónica e Noelia, foron un punto de encontro polos que xa pasaron moitísimas familias. 
As reunións mantivéronse mesmo no verán, con encontros ó aire libre nos que seguir disfrutando da boa compañía.

Ó longo destes 12 meses houbo mil momentos compartidos, de forma presencial, e tamén de forma telefónica e virtual: alegrías e preocupacións, risas, lágrimas, apertas... e moitas aprendizaxes para todas as implicadas. 

Para celebrar a boa saúde desta sede e seguir abordando con enerxía a temporada, a vindeira reunión do XOVES 15 DE OUTUBRO será especial. Organizaremos unha pequena merenda (cada familia pode traer o que lle apeteza compartir), charlaremos, veremos fotos... e repasaremos xuntas este aniño de tantas tetas e coliños. 

Non te perdas a ocasión, como sempre na Asociación de Veciños Novo Vigo, de 17:00 a 19:00h. 

GRACIÑAS!!! 


lunes, 5 de octubre de 2015

Volven as reunións de lactancia en Milladoiro

Unha boa noticia para Teta e Coliño nesta Semana Mundial da Lactancia Materna: en breve retomaremos reunións do grupo de apoio de Milladoiro (Ames). 

Esta temporada verémonos o segundo e cuarto mércores de cada mes, de 17:30 a 19:30h. 
O lugar será o de costume: a sala de usos múltiples da Casa de Cultura. 

A primeira reunión terá lugar o MÉRCORES 14 DE OUTUBRO.

Lembra que as nosas reunións son de acceso libre e gratuíto, atendidas por voluntarias. Todo o mundo é benvido. Non é preciso apuntarse con antelación.