miércoles, 28 de noviembre de 2012

I Xornadas de Crianza Consciente e Coaching Familiar

A Asociación Teta e Coliño colabora con esta interesante iniciativa de IDENTIA Crecimiento Personal y Familiar. As Xornadas están dirixidas a familias a profesionais relacionados coa Crianza e a Educación Infantil, e contarán como prato forte con dúas conferencias de Rosa Jové*.

Ademáis, acollerán interesantes obradoiros sobre crianza e comunicación. O programa completo é o que segue:

10:00 h. Inauguración. Presentación da Escola de Familia

10:30 "Durmir sen lágrimas", con Rosa Jové

11:30 Preguntas e respostas sobre os bebés, con Rosa Jové

12:00 Pausa café

12:30-13:30 Obradoiros simultáneos de crianza:

 -Crianza e Eneagrama: o desenvolvemento da personalidade, con Teresa Hdez. Armentia
 -Crianza sostenible, con Cathy Company

16:30 "Nin conflictos nin rabietas", con Rosa Jové

17:30 Preguntas e respostas sobre os nenos, con Rosa Jové

18:00 Pausa merenda

18:30-19:30 Obradoiros simultáneos de comunicación:

 -Irmáns e amigos, con Susana Rodríguez
 -Constelacións Familiares: entre avoas e nais, con Nelly Rey

*Rosa é nai, Asesora de lactancia materna e Psicóloga infantil especializada en Psicopediatría. Ten publicado libros de gran renome, como "La crianza feliz" e "Dormir sen lágrimas".


DATA DAS XORNADAS: 14 de decembro 2012   LUGAR: Santiago de Compostela
PREZO: 60 €. Desconto socios/as de Teta e Coliño: 15%. Consultar outros descontos aquí (máximo 25%): https://docs.google.com/file/d/0B_fOkt_nF3bbMno2V1YzNndrNkU/edit?pli=1

Aforo Limitado

Máis información en:
http://identiacf.blogspot.com.es/2012/11/i-jornadas-de-crianza-consciente-y.html


domingo, 25 de noviembre de 2012

Obradoiro de Pilates para embarazadas e post-parto con bebés

Xa chega a Teta e Coliño a próxima actividade familiar: obradoiro de Pilates para embarazadas e mamás cos seus bebés, impartido polo Centro Acupuntura e Pilates Arume.

Nesta sesión coñeceremos en que consiste o Método Pilates, e que beneficios nos pode aportar durante este período da vida. Constará de 3 partes:

1. Exposición teórica: que é o Pilates. Os exercicios de Pilates como preparación para os cambios de embarazo e post-parto.  

2. Parte práctica. Exercicios para embarazo e post-parto, que tonifican o corpo, aportando enerxía e equilibrando os cambios. As mamás terán terán a posibilidade de disfrutar xunto ós bebés a través do contacto físico, os movementos e a relaxación. 

3. Explicación sobre técnicas de masaxe infantil. O tacto proporciona ós bebés sensación de seguridad, axúdalles a relaxarse e a estreitar o vínculo afectivo.


O obradoiro terá lugar o MARTES 11 DE DECEMBRO, a partir das 16:30 h
no Centro Sociocultural do MILLADOIRO.


Actividade gratuíta. Non é necesario apuntarse, pero agradeceremos a confirmación de asistencia. Bebés e nenos serán moi benvidos. 

sábado, 24 de noviembre de 2012

Obradoiro de Maternidade e Sexualidade... así foi!

Aquí vos deixamos as fotos e unha pequena explicación sobre o noso obradoiro de Maternidade e Sexualidade.

Trala presentación, comezou a matrona Diana Luque, que fixo un percorrido polos cambios que a sexualidade experimenta durante o embarazo e tras o parto, especialmente durante a lactancia. Comentou que,en xeral, as mulleres-nais experimentan durante o puerperio un descenso da libido, e que nesta etapa síntense máis "sensuais que sexuais".
Recalcou a necesidade de que as parellas coiden a súa comunicación, para que ambos sexan conscientes dos cambios e novas necesidades desta etapa; e que isto favorecerá que as relacións sexuais poidan ser máis satisfactorias. Neste sentido, Diana propuxo superar a xenitalidade e aumentar a afectividade, respectando sempre os tempos que cada persoa necesite neste proceso.

Diana tamén compartiu con nós información sobre fertilidade e métodos anticonceptivos, explicando en que consisten, cal é a súa efectividade, e se son ou non compatibles coa lactancia.


A continuación, contamos coa participación da sexóloga Martina González, que seguiu o obradoiro na mesma liña, incidindo na necesidade de coñecerse mellor a un/unha mesmo/a e á súa parella para lograr unha sexualidade satisfactoria.
Martina falou das principais dúbidas e problemas relacionados co sexo, que na etapa da maternidade/paternidade son molestias ou dolor durante o coito, vaxinismo, falta de desexo, etc. Explicou a conveniencia de previlos; e por suposto, de poñerlles solución unha vez aparecen. A forma de superar estas dificultades reside en cambios a nivel emocional, físico e/ou de xogo de parella, segundo o caso.  
 
Xunto con estas explicacións, foi ofrecendo pequenos consellos, trucos e recursos para acadar unha sexualidade máis divertida; e finalmente presentou un pequeno muestrario de xoguetes sexuais, literatura erótica e varios tipos de bolas chinas, aclarando que estas últimas son útiles para a prevención e o mantemento dun bo ton do solo pélvico, xunto con exercicios Kegel, ximnasia hipopresiva, etc.

Como é habitual, esta tamén foi unha actividade que despertou moi interese entre as familias!! foi tan concurrida que enchemos a sala. Aquí vos deixamos outra fotiño:



Gracias a todas e todos os participantes, en especial a Diana e Martina. Prontiño volveremos con novidades!!!

lunes, 12 de noviembre de 2012

Obradoiro "Maternidade e sexualidade: claves e recursos para disfrutar"

O embarazo, parto, posparto e lactancia son momentos moi intensos e especiais que forman parte da SEXUALIDADE FEMININA. Neles aparecen sensacións descoñecidas, novos vínculos… e tamén novos medos e dúbidas.

O embarazo adoita ser un periodo de sexualidade activa, polo que nos pode sorprender a drástica baixada de libido tras o parto, situación que pode durar bastantes meses. Comprender o papel que xogan en todo isto as hormonas, a lactancia, a propia experiencia do parto; aceptar e asimilar as novas necesidades en cada un dos membros do parella e traballar o noso lado máis emocional, así como coñecer recursos que funcionen como alternativas divertidas pode axudarnos a vivir os cambios con normalidade e dunha maneira sa. De todo isto falaremos coa sexóloga de "Con mucho gusto!", Martina González.

A anticoncepción tamén pode supoñer unha fonte de dúbidas nesta etapa. Son moitos os métodos anticonceptivos que son compatibles coa lactancia materna. De feito, a mesma lactancia funciona como método natural de control da natalidade, sempre que se cumpran certo número de requisitos. A matrona Diana Luque explicaranos de que opcións dispoñemos, para que poidamos escoller de maneira informada.


En resumo, neste obradoiro aprenderemos a coñecernos un pouco máis a nós mesmas, e a asimilar as claves que nos farán vivir a sexualidade de maneira sa e pracenteira, tamén durante a nosa maternidade e lactancia. Non vos perdades esta ocasión!!!


XOVES 22 NOVEMBRO 2012, de 18:00-20:00 h.

Centro Sociocultural de Bertamiráns (Ames)


ASISTENCIA LIBRE E GRATUÍTA. Os nenos e nenas son benvidos
(de existir demanda, organizarase algunha actividade lúdica para nenos a partir de 3 anos)


domingo, 11 de noviembre de 2012

Inauguración grupo da Estrada (crónica e fotos)

O pasado 7 de novembro 2012, Teta e Coliño inaugurou o seu grupo da Estrada. Tivemos unha grande afluencia, maior da esperada! moita curiosidade polo nosos servizos, e unha rápida afinidade entre as familias asistentes. Puidemos contar ademais co respaldo de varias socias das outras sedes, que se desprazaron ata A Estrada para apoiar o nacemento do novo grupo, e que compartiron a súa experiencia sobre Teta e Coliño coas novas mamás.

Tras dar a benvida, lembramos que son os grupos de apoio á lactancia, que facemos, que non facemos, onde estamos e por que existimos. Despois todas as asistentes nos presentamos, tras o cal compartimos unha pequena merenda.

Algunhas das mamás da Estrada están empezando na lactancia. Algunhas relataron unha lactancia satisfactoria, outras consultaron dúbidas ou dificultades.Tamén estaban alí mamás xa máis experimentadas, que seguen aleitando a nenos de 2-3 anos e que de bo seguro terán moito que compartir con todas nós.
E como sempre, pareceunos moi positiva a presencia de varias mamás embarazadas e as súas parellas. Foron informados sobre o Programa de Madriñas de lactancia, e animóuselles a seguir en contacto coa asociación, tanto durante o embarazo como unha vez xa teñan no coliño ó seu bebé.

Esta foi, en definitiva, unha afortunada xornada, con moitas cosas que contar, e cun fermoso e intenso traballo que comezamos dende xa con enerxía. A próxima reunión terá lugar o mércores 5 de decembro, pero ata entón iremos estando presentes en asesorías a domicilio, segundo demanda.

Non queremos rematar a entrada sen os agradecementos ás persoas que puxeron o seu esforzo en que este proxecto fora posible:
-Socias de Teta e Coliño, porque coa vosa aportación e os ánimos que nos transmitides facedes posible que máis mamás e bebés se sigan beneficiando da nosa axuda.
-Concello da Estrada. Concellerías de Sanidade e de Cultura, por recibir con agrado a nosa proposta e colaborar tan activamente na difusión. Gracias tamén pola presencia da concelleira de Educación, que se achegou a compartir a inauguración con nós.

E sen esquecer a colaboración desinteresada do fotógrafo Pablo Camacho, que nos brindou estas bonitas fotos para o recordo: