lunes, 12 de noviembre de 2012

Obradoiro "Maternidade e sexualidade: claves e recursos para disfrutar"

O embarazo, parto, posparto e lactancia son momentos moi intensos e especiais que forman parte da SEXUALIDADE FEMININA. Neles aparecen sensacións descoñecidas, novos vínculos… e tamén novos medos e dúbidas.

O embarazo adoita ser un periodo de sexualidade activa, polo que nos pode sorprender a drástica baixada de libido tras o parto, situación que pode durar bastantes meses. Comprender o papel que xogan en todo isto as hormonas, a lactancia, a propia experiencia do parto; aceptar e asimilar as novas necesidades en cada un dos membros do parella e traballar o noso lado máis emocional, así como coñecer recursos que funcionen como alternativas divertidas pode axudarnos a vivir os cambios con normalidade e dunha maneira sa. De todo isto falaremos coa sexóloga de "Con mucho gusto!", Martina González.

A anticoncepción tamén pode supoñer unha fonte de dúbidas nesta etapa. Son moitos os métodos anticonceptivos que son compatibles coa lactancia materna. De feito, a mesma lactancia funciona como método natural de control da natalidade, sempre que se cumpran certo número de requisitos. A matrona Diana Luque explicaranos de que opcións dispoñemos, para que poidamos escoller de maneira informada.


En resumo, neste obradoiro aprenderemos a coñecernos un pouco máis a nós mesmas, e a asimilar as claves que nos farán vivir a sexualidade de maneira sa e pracenteira, tamén durante a nosa maternidade e lactancia. Non vos perdades esta ocasión!!!


XOVES 22 NOVEMBRO 2012, de 18:00-20:00 h.

Centro Sociocultural de Bertamiráns (Ames)


ASISTENCIA LIBRE E GRATUÍTA. Os nenos e nenas son benvidos
(de existir demanda, organizarase algunha actividade lúdica para nenos a partir de 3 anos)