lunes, 26 de diciembre de 2011

Charla de iniciación ó porteo

PORTEAR ÓS NOSOS BEBÉS É... 
  • Amar, sentir, acariciar, relaxar, bicar, respetar, dar calor, transmitir seguridade e afecto...
  • Favorecer o seu desenvolvemento físico. A postura ergonómica proporciona múltiples beneficios!
  • Facilitar o seu sono, e proporcionarlles un estado de benestar en xeral.
  • Darlles a oportunidade de vivir o mundo dende un lugar privilexiado: experimentando cos cinco sentidos, integrándose nas nosas actividades e aprendendo das nosas relacións sociais.
  • Aumentar a dispoñibilidade da nai ou pai, en especial se se teñen outros fillos.
  • Gozar de liberdade e desprazarse comodamente.
  • E por suposto, tamén ten múltiples vantaxes para a lactancia materna!

En resume, portear dános a posibilidade vivir a crianza da maneira máis natural, confortable e pracenteira para toda a familia.  

Para falar de todos estes beneficios tan interesantes, organizamos unha CHARLA DE INICIACIÓN Ó PORTEO, onde tamén veremos os diferentes tipos de portabebés e as súas principais características. Como sempre a asistencia é libre e gratuíta.
Traede os vosos portabebés se os tedes, así compartiremos experiencias e dúbidas entre todas!

Día: XOVES 12 de xaneiro
Hora: a partir das 18:00 h
Lugar: Casa de Cultura de Bertamiráns.

sábado, 24 de diciembre de 2011

Crises e folgas de lactancia

A nosa primeira actividade do ano consistirá nunha CHARLA sobre os baches da lactancia materna: CRISES E FOLGAS.

A lactancia materna non é un proceso lineal, senón que se caracteriza polas súas numerosas fases. O paso dunha a outra está motivado por cambios na velocidade de crecemento do bebé, e tamén polas diferentes etapas de desenvolvemento neurolóxico. Neses momentos vívense momentos de altibaxos, no que a nai e o seu bebé reacomodan a oferta-demanda de leite, e a súa conducta. Son as chamadas CRISES.

Por outro lado, ocorre con certa frecuencia que o neno négase a mamar de repente (dun peito ou dos dous). Ocorre de xeito brusco e causa gran sorpresa e desconcerto. Son as FOLGAS DE LACTANCIA. As causas desta situación son moi variadas, e en moitas ocasións a continuidade da lactancia depende de que a nai identifique e corrixa o motivo.

As crises son relativamente esperables, pois aparecen a idades similares en moitos bebés. Tamén as folgas mostran especial incidencia en certos periodos da lactancia.
Cando estas situacións non se coñecen son vividas con ansiedade e dúbidas por moitas nais, e non poucas veces son confundidas co verdadeiro destetePor este motivo, falaremos sobre os diferentes baches, e aprenderemos sobre a mellor maneira de superalos.

Esta charla terá lugar o MARTES 10 DE XANEIRO, a partir das 16:30 h no Centro Sociocultural do MILLADOIRO. Alí nos vemos!

viernes, 9 de diciembre de 2011

Lactancia materna, sexualidade e anticoncepción

Como cada primeira reunión de cada mes, xa está aquí a nosa próxima reunión temática. Neste mes de decembro versará sobre un tema ás veces pouco tratado, pero que nos pareceu especialmente importante polas moitas dúbidas que suscita. Estamos a falar da sexualidade e a anticoncepción en relación coa lactancia materna.

O embarazo, o parto e posparto e a lactancia materna son momentos moi intensos e especiais que forman parte da SEXUALIDADE FEMININA. Especialmente tralo parto, notamos que as nosas hormonas inflúen decisivamente no noso día a día, e que sobre todo afectan á libido. Tamén hai outros factores que xogan o seu importante papel neste sentido, como o nivel de cansazo e a vivencia que teñamos do noso parto.

En canto á ANTICONCEPCIÓN, trátase dun factor que comezamos a ter en conta especialmente co retorno da menstruación.
Ó plantearnos esta decisión esténdese ante nós un abano de posibilidades compatibles coa lactancia materna: o famoso MELA, os métodos hormonais, os de barreira, etc.

De todo isto falaremos coa matrona Diana Luque, o MARTES 13 de DECEMBRO, a partir das 16:30 h no Centro Sociocultural do MILLADOIRO. Non volo perdades!!

miércoles, 7 de diciembre de 2011

Charla para embarazadas en Brión

O martes 13 de decembro, varias mamás de TETA E COLIÑO desprazarémonos ata BRIÓN para ofrecer unha pequena charla para embarazadas.

Falaremos sobre os inicios da lactancia materna, e sobre como poden axudar neses delicados momentos as asociacións pro-lactancia. Daremos a coñecer en especial o cercano grupo de Bertamiráns. Tamén atenderemos dúbidas, e todos aqueles temas de interese que poidan xurdir sobre a marcha. 

A cita será a partir das 13:00 h no Centro Sociocultural. Estades todas convidadas!

domingo, 4 de diciembre de 2011

INAUGURACIÓN DO GRUPO DE BERTAMIRÁNS

En toda Asociación de Apoio á Lactancia Materna vívense moitos momentos compartidos. Algúns fermosos, outros máis difíciles, moitos deles emocionantes... pero desde logo, non hai ningún que supere en ilusión a aqueles nos que un novo grupo se forma.

Tras tomar a decisión, toca elaborar o proxecto, difundir e organizar os detalles. E o gran día chega. Aquí estamos! Un conxunto de familias diferentes, pero parecidas en esencia, que se coñecen, que se xuntan, que comparten impresións por primeira vez.

Somos moitas, máis das esperadas. Todas se presentan, hai expectación. Vemos casos sorprentemente parecidos, e outros no extremo contrario. Ó principio hai silencio, escoitamos... pero de seguida xorden conversas entre nós. Nais que se comprenden e que se apoian.

Moitas delas seguirán vindo reunión tras reunión (outras, achegándose de cando en vez), comezando así un novo percorrido; e tamén abrindo paso ás demais, que pronto irán chegando.

Aquelas que xa formamos parte deste entramado, sabemos o motivo: aquí as familias atopan un espazo de aprendizaxe, enriquecemento, desafogo e liberdade. Un lugar para falar sobre as dúbidas, para aprender, para compartir todos eses momentos tan variados (uns maravillosos, outros duros) da lactancia e da crianza natural. E sobre todo, para ser elas mesmas, sen ser xulgadas nin cuestionadas, como por desgracia sucede noutros ámbitos.

Os nenos e nenas viven tamén esta rutina das reunións con naturalidade. En canto se familiarizan co sitio, coas conversas, gatean e xogan tranquilos nas colchonetas, no medio do grupo. Pequerrechos que nas súas casas son criados con moito amor, e que aquí atopan unha pequena tribu tamén amorosa que nutre e fortalece ós seus papás.

A primeira semente destas vivencias naceu o pasado xoves 1 de decembro en Bertamiráns. As familias que xa vivimos o despegue do grupo do Milladoiro e que participamos nalgunha medida na creación desta segunda sede, vivímolo dun xeito especial. Sabemos que cada grupo de apoio é o resultado dunha demanda, dun esforzo e dunha ilusión. Que con el nacen moitos proxectos, moito labor por facer e moitos nenos felices que ver medrar... con teta e coliño!! Estaremos encantadas de contribuír a que así siga sendo.


Gracias a todos e a todas por estar aí! 


Non podía faltar a riquísima tarta de chocolate de Clara!

Unha parte da sala...
  
E a outra esquina... e aínda así non saímos todas!!


sábado, 3 de diciembre de 2011

Asamblea de socias novembro 2011

O pasado 29 de novembro tivo lugar a Asamblea Extraordinaria de socias, a segunda asamblea dende o noso nacemento como Asociación.

Foron moitos os temas tratados en tempo record, e moitos outros que quedaron no tinteiro e que esperamos ir desenvolvendo ó longo do ano, sempre coa vosa axuda e apoio.

Gracias ás nosas socias, e un abrazo tetacoleiro!!






FOTOGRAFÍAS CORTESÍA DE PABLO CAMACHO