domingo, 28 de agosto de 2011

Charla para embarazadas e nais lactantes

Charla para embarazadas e nais lactantes lunes 29 de agosto
Centro sociocultural Milladoiro 11 y 30 horas.


sábado, 13 de agosto de 2011

LIBROS SOBRE LACTANCIA MATERNA


UN REGALO PARA TODA LA VIDA (Carlos González). Tamén coñecido como "a biblia da lactancia". Completísimo, fácil de ler e redactado con moitísimo sentido común. É un libro imprescindible para toda aquela toda nai que desexe aleitar, recomendado por tódalas asesoras e colectivos pro-lactancia.
A súa intención é ofrecer información práctica para acadar unha lactancia feliz e plenamente disfrutada. Fai especial fincapé no lazo de unión que se establece entre nai e fillo, por iso a mellor frase para resumilo é: a lactancia materna é un regalo, aínda que sexa difícil saber quen da e quen recibe.


MATERNIDAD Y LACTANCIA (Gro Nylander). Trátase dunha guía sobre maternidade que ante todo pretende reafirmar a autoconfianza da nai e aportar respostas á multitude de preguntas. 
Aborda múltiples aspectos sobre a correcta atención ó bebé, incluíndo a lactancia materna, e analiza o papel desta na saúde e no vínculo entre nai e bebé. As súas características principais son: a rigurosidade na información, a sensibilidade coa que está escrito e o práctico que resulta, ó proporcionar moitos exemplos de casos reais.


MANUAL PRÁCTICO DE LACTANCIA MATERNA (Carlos González). Un libro pensado para profesionais da saúde e a atención á nais e bebés lactantes, redactado cun criterio técnico e conciso; pero tamén moi útil para o seu uso por nais, especialmente á hora de desmontar mitos e atopar solución ás posibles dificultades. 
Aborda todo tipo de aspectos relacionados coa lactancia, dende os máis básicos ata os que precisan de maior aporte científico, respaldando cada tema cunha extensa bibliografía.


¿Lestes estes libros? ¿resultáronvos útiles? podedes deixar aquí os vosos comentarios e suxestións.
 

sábado, 6 de agosto de 2011

APRENDER SOBRE LACTANCIA MATERNA: ¿É NECESARIO?

Hoxe imos falar sobre a importancia que ten aprender sobre lactancia materna

O bebé nace sabendo mamar. Ten ese instinto natural, posúe os reflexos de búsqueda, succión e deglución. Sabe alimentarse e estimular a producción de leite. El non ten dúbidas sobre como funciona todo isto! pero para nós as nais, a lactancia é algo moito máis complexo.Trátase de algo cultural, aprendido... e aí está o miolo do asunto.

Pensemos: ¿como se aprende a dar de mamar? dende logo practicando... pero tamén lendo, observando e comparando. E todo isto podemos facelo xa dende antes de nacer o noso bebé. De feito, iso sería o ideal.
 
Alguén podería opinar: claro, pero aprender non debería ser necesario, despois de todo dar teta é algo simple e natural! non hai tanto que saber.
Pois iso é verdade: o bebé pide, a súa mamá saca a teta, el engánchase, mama un ratiño, sóltase, e a outra cousa! Co tempo, o neno aprende a comer outras cousas, vaise destetando lentamente... ata que un día el mesmo esquece a teta. E xa está, todos tan felices da nosa vivencia.

Pero a nosa realidade non adoita ser así. Nin moito menos. 

A irmá recién nacida de Teo
Para comezar, a maioría de nós medramos sen ser moi conscientes de que as tetas serven para alimentar bebés. Non en balde somos membros da "quinta do biberón", con todo o compoñente sociocultural e económico que iso implica. Un dato que por si mesmo xa nos daría para outra entrada deste blog.

¿E cando nos quedamos embarazadas? neses momentos, pode que ante típica pregunta de ¿vaslle dar peito? respondamos sen dubidalo que si... pero no fondo non temos moi claro como será ese proceso de aleitar. Non sabemos como se pon a un bebé á teta ou que típicas dificultades poden xurdir. E é moi frecuente que paguemos ese descoñecemento con dolor nos pezóns, un bebé que non engorda ben ou unha mastitis. Ou varias delas á vez.

Por desgracia, en moitas ocasións atopámonos coa sorpresa de que non contamos con axuda profesional neses momentos de dificultade. O persoal sanitario tamén acusa a falta de cultura do amamantamento, en moitos casos non está formado en lactancia materna, e noutros é o primeiro que sente prexuízos cara esta forma de alimentación e crianza. É triste, pero os seus comentarios negativos son moitas veces un factor decisivo para o desistimento por parte da nai.

un bebé pedindo teta xa!!!
Por outro lado, vivimos rodeadas de mitos sobre lactancia e crianza: na nosa familia non temos leite (ou é de mala calidade), os nenos non deben estar demasiado no colo, faille ben chorar un pouco, non debes comer tal alimento porque lle pasas gases polo leite, a teta é para os tres primeiros meses. 
Todas temos oído falar sobre esa coñecida que levou un disgusto e pum! foiselle o leite, ou ese papá apurado que tivo que baixar de madrugada buscar leite á farmacia para calmar a fame do pobre bebé.
E non faltan os famosos consellos remata-lactancias: non te empeñes que está claro que non tes leite, dálle 10 minutiños de cada lado, non debes darlle a demanda pois o estómago ten que descansar, vaille espaciando as tomas en canto poidas... e o fatídico a partir dos 3 ou 4 meses xa non necesitan mamar pola noite.  
En nenos máis grandes, os comentarios transfórmanse en: a estas alturas xa non podes ter leite, este neno xa solo mama por vicio, estaslle facendo moito dano, vai ser sempre moi dependente de ti, e o máis curioso de todos: xa verás, como non lle vaias quitando xa a teta non vas pode destetalo na vida (alguén pensa de verdade que isto último é certo? pois escóitase moito).

Todo isto cando se acumula pode levarnos a sentir unha gran desconfianza en nós mesmas, a non crer na nosa capacidade xenuína para alimentar de maneira libre, cómoda e totalmente satisfactoria ós nosos fillos. E non axudan moito os referentes, pois se nos poñemos a pensar nas lactancias maternas das nosas familiares, amigas e veciñas, por desgracia atopamos moitos máis exemplos de fracasos que de éxitos. ¿Por que imos ter nós máis sorte ca elas?

Por último, algo fundamental: como consecuencia da nosa sociedade industrializada e consumista, patriarcal e adultocentrista, as nais vense na obriga social de volver ser a toda présa as mesmas de antes. Non se contempla a necesidade de vivir o novo rol de nai, de construír o vínculo... de permanecer co bebé o tempo que necesitemos, de ser responsable da súa crianza e aleitalo a demanda. Nin sequera está ben visto ofrecerlle alimentos de xeito gradual e permitir así o seu destete natural.
En España en particular vivimos unha conciliación mal entendida. É moi frecuente atoparse con destetes repentinos ós 3-4 meses porque a nai "sabe" que non se pode dar teta e traballar ó mesmo tempo. E mesmo lactancias que xa nunca comezan, porque total non valía a pena, de aquí a nada tiña que voltar ó traballo, así que mellor biberón xa dende o principio.

En resumen, as nais lactantes nos enfrentamos a toda unha serie de aspectos negativos: a nosa propia "cultura do biberón", a falta de exemplos cercanos, a escasa axuda e asesoramento, a mala ou nula información, a tendencia a non confiar en nós como nais, os intereses económicos que incentivan a lactancia artificial... e en definitiva, a presión social a abandonar a lactancia materna canto antes.

Con todos estes condicionamentos, pode ser realmente complicado conseguir unha lactancia exitosa. Incluso nos casos nos que desde o principio todo vai como a seda, cun neno que mama en boa posición e engorda a bon ritmo, pronto comezamos a poñer limitacións, horarios, sustituír tomas... e ese é o principio do fin, co seu correspondente destete precoz e a xustificación de é que me quedei sen leite, é que xa non lle chegaba.  
Seguro que todo isto vos sona.

¿Cal é o punto de inflexión, o momento decisivo en que unha nai desbota inseguridades, supera os mitos, e a súa lactancia mellora ou triunfa dende o principio, chegando a ser plenamente satisfactoria? pois cando esa nai está informada, apoiada e valorada. Cando coñece o proceso e os seus motivos, sabe adiantarse ás posibles dificultades, conta cunha rede social de apoio incondicional e, en consecuencia, ten unha firme confianza nela mesma e no seu bebé, que os leva a conseguir unha fermosa lactancia durante todo o tempo que ambos desexan.

Isto lógrase cando esa nai decidiu ler sobre lactancia, atopou o consello adecuado no momento xusto, contou co apoio da súa parella e se rodeou doutras mamás lactantes que están no mesmo momento vital ca ela. 
Voltando ó principio desta reflexión, así é como hoxe en día se aprende a dar de mamar. Non é cuestión de sorte, senón que está nas nosas mans. E desa importante conclusión nacen os grupos de apoio, coma o noso Teta e Coliño.



A semana que vén falaremos de libros sobre lactancia. Eses títulos que nas nosas reunións e talleres sempre recomendamos agora estarán tamén recollidos no noso blog. Bicos a todas!!

miércoles, 3 de agosto de 2011

TETA E COLIÑO NA RADIO GALEGA

Aquí vos deixamos o enlace da última entrevista que Teta e Coliño fixo para a Radio Galega, dentro do programa "Convivir en igualdade" do pasado 28 de xullo. Podedes escoitala a partir do minuto 38. TETA E COLIÑO NA RADIO GALEGA