viernes, 22 de julio de 2011

NAIS DE LEITE... IRMÁNS DE LEITE!!

Moitas de nós teremos oído historias sobre nais que, por diferentes motivos, daban de mamar a fillos doutras mulleres. Historias moi persoais e fermosas, que hoxe en día xa van quedando no olvido... falemos un pouco delas!!

En moitas ocasións, esa lactancia compartida facíase por solidariedade (algo moi frecuente antes da irrupción do biberón, sobre todo no rural). Podía ser algo puntual, se a nai tiña que pasar o día fóra por recados, ou estaba enferma... pero tamén a longo prazo: por exemplo, cando a nai falecía, e algunha familiar ou veciña en periodo de lactancia decidía acoller a ese bebé no seu peito.

nodriza co seu fillo de leite
Noutros casos, a muller dedicábase profesionalmente a aleitar, cobrando por cada neno que criaba: eran as chamadas nodrizas ou amas de cría. A nodriza era contratada por familias de nivel económico medio-alto, e convivía día e noite cos bebés que estaba a criar, polo que se convertía nunha figura esencial para eles. 
Ata que chegaba o destete, entón a nodriza apresurábase a comezar co seguinte lactante, para non perder producción de leite. 
Se os nenos se criaban ben e sans, a nodriza sería ben recomendada e non lle faltaría traballo... tendo en conta que por riba, as familias para as que traballaban adoitaban ser numerosas.

Nuns e noutros casos, sobre todo nos primeiro de lactancia solidaria, moitos nenos e nenas quedaban convertidos en IRMÁNS DE LEITE. Creábase así un curioso vínculo entre eles, e por suposto coas súas nais de leite: unha relación moi especial que nalgunhas familias se conservou durante toda a vida.


Hoxe quérovos convidar a ver unha película de animación sobre este tema: AZUR Y ASMAR.
Conta a historia de dous nenos criados na Europa Medieval Cristiá por unha nodriza árabe: un, o seu propio fillo; e o outro, o fillo dun nobre; e que son separados cando son pequenos. Vólvense atopar anos despois, primeiro como rivais e logo como irmáns de sangue e leite, unidos por un fortísimo vínculo.
As aventuras de “Azur y Asmar” son un canto á amistade, ós dereitos dos nenos e ó valor, todo nunha aventura máxica, chea de riscos e prodixios.
A música e os debuxos son inolvidables, como a historia. Recomendable  para nenos maiores de tres anos, aínda que seguro que encantará a toda a familia!

Podedes ver esta película no seguinte enlace:  AZUR Y ASMAR