sábado, 14 de abril de 2018

Charla Primeiros auxilios Xaneiro, Vigo 2018

O pasado 13 de xaneiro tivo lugar en Vigo unha nova edición da Charla de Primeiros Auxilios en Bebés e Crianzas. Fixémolo nas instalacións de Vigosónico xa que ten unha gran acollida.

Novamente contamos coa colaboración de Pepe Aguilera, enfermeiro do 061 de Galicia, excelente profesional, poñente pero sobre todo papá. Contounos as súas experiencias tanto a nivel persoal como os casos aos que ten que afrontar no seu día a día.



Pepe explicounos as diferencias entre atragantamento e afogamento e como actuar en cada caso. No segundo, temos sempre que comprobar se hai respiración e no caso de non habela ensinounos a facer unha RCP.

Resolveu dúbidas como que facer en caso de golpes na cabeza, feridas abertas, alerxias, queimaduras e nos casos de febre alta (neste punto tratouse se é bo alternar entre paracetamol e ibuprofeno).
Finalmente explicounos a diferencia entre emerxencia e urxencia para que saibamos cando debemos acudir a un centro de saúde e ou chamar ó 061 ou 112…

Todos os asistentes saímos moi contentos e sabendo un pouco mellor como actuar no caso de producirse un incidente, aínda que todos desexamos non vernos nunha situación así.

Obradoiro “Acompañando o destete”, xaneiro Vigo 2018

O pasado 27 de xaneiro reunimónos no local da Asociación de Novo Vigo en Navia para falar sobre o proceso de destete.

Se algo temos claro @s soci@s de Teta e Coliño, son os beneficios da lactancia materna dentro da nosa crianza. Sen embargo, a etapa do destete chega, máis tarde ou máis cedo, a todas as lactancias e, tanto ou mais que as anteriores etapas, esperta dúbidas nas crianzas, nas súas nais e pais. Cando será o mellor momento? Como debemos acompañalo? Quen debe tomar a decisión? Pódese facer un destete parcial?

A nosa asesora de lactancia e nai Antía López, compartiu cos alí asistentes explicacións e material para informarmos sobre os mellores recursos para realizar un destete o máis respetuoso posible, en funcións das necesidades de cada familia. Ademáis, falouse de situación que poder semellar un destete pero que non necesariamente o son, situacións que eu particularmente descoñecía. Tamén falamos de como afrontar momentos difíciles na lactancia, como son as dentadas ou os esperares nocturnos.

Outra información que compartimos foi a de como crear lembranzas desta etapa, tan bonita na vida dunha famiia, que no futuro agradeceremos ter.

Finalmente, tod@s @s asistentes compartimos as nosas necesidades, nosas experiencias e os nosos problemas nun ambiente no que puidemos atopar persoas que están pasando ou xa pasaron situacións similares.

Con todo isto, pechamos o obradoiro pensando en como levar á práctica todo o aprendido e adaptándoo a cada situación particular e sabendo que podereremos contar con moita xente que nos pode axudar con só pedilo.

domingo, 11 de marzo de 2018

Obradoiro alimentación complementaria na sede de Vigo Decembro 2017

O pasado 2 e o 16 de decembro unhas vinte familias (dez en cada sesión) acudimos ó obradoiro sobre alimentación complementaria impartido por Antía. Mamá, fisioterapeuta na sanidade pública, asesora de lactancia e voluntaria na asociación á que é un pracer escoitar.




Esta etapa das nosas crianzas é unha fase emocionante.  A satisfacción de velos comer pero cunha chea de medos… comerá o suficiente? Terá unha dieta que lle aporte todo o que necesita? Debemos substituir tomas de leite? E se se atragoa? ...dende logo este obradoiro despexounos moitas dúbidas.




Actualmente recoméndase alimentar exclusivamente de leite ate os seis meses. A partir de aí podemos ir introducindo a alimentación complementaria que, como o seu propio nome indica, non substitúe o leite.  Este sigue sendo a base fundamental na alimentación do bebé.  Antía fíxonos un resumo de como manexar o leite materno alén dos seis meses. Como extraelo, almacenalo e conservalo. Moi importante para as mamás traballadoras que desexan continuar coa lactancia materna.

Falounos despois do BLW (Baby led weaning) ou Alimentación autorregulada polo bebé,  un método que está collendo forza nos últimos anos. Consiste en ofrecer anacos de comida e que sexa o propi@ nen@ o que os xestione. Se ben, é importante ter unhos conceptos básicos para non poñelo en perigo e, sobre todo, gozar do proceso sen medos.



Cales son os requisitos que ten que cumprir a crianza para empezar, como ofrecer os alimentos, que tipos de alimentos son os máis recomendados para empezar, así como consellos e bibliografía foi o que nos aportou a poñente apoiada en documentos gráficos.

A rolda de preguntas tamén serviu para expoñer casos concretos, dúbidas e anécdotas que tanto nos aportan.  



martes, 2 de enero de 2018

Obradoiro Estrelas de Waldorf sede de Vigo Decembro 2017

O pasado 16 de decembro pasamos una fermosa tarde en familia creando a nosas propias estrelas de Nadal ao estilo Waldorf.
Ariane Goés guiounos nesta pequena aventura, explicando os materiais máis adecuados para empregar coas nosas crianzas e como ofrecerllos, para que os máis pequenos da casa poidan desfrutar coas súas primeiras manifestacións artísticas. 




Neste caso, empregamos pigmentos naturais en forma de pó, a verdade é que tiñan un tacto estupendo.




Mentres tiñamos as nosas mans en plena creación, Ariane foinos dando pinceladas sobre as diferentes características da pedagoxía Waldorf e resolvendo todas as dúbidas que se nos plantexaban ao respecto.



domingo, 31 de diciembre de 2017

Xuntanza “Este nadal feito a man”, Sede de Vigo. Novembro/ Decembro 2017.

Durante as tardes do 18 e 25 de novembro e o 2 de decembro no local da Asociación de Veciños Novo Vigo, as familias socias de Teta e Coliño puideron desfrutar das xuntanzas creativas dentro da temática “Este Nadal feito a man”.

Nestas xornadas realizamos unha árbore de Nadal de parede. Esta árbore, tiña unha base de feltro verde pegado sobre cartón. Para decoralo, creamos un repertorio variado de adornos en feltro e goma eva, no que cada unha, aportou a súa orixinalidade para que resultasen únicos. 



Estes adornos, tiñan na súa cara posteri
or un velcro facilitando a participación das nosas crianzas na montaxe e desmontaxe da decoración de Nadal. 



Por outro lado, tamén funcionan coma un xoguete para eles, xa que, puxemos un especial esforzo en que resultasen seguros e adaptados ás diferentes idades. Como resultado, obtivemos unhas árbores de cores vistosas adaptada ós máis pequenos, facendo partícipe a toda a familia da decoración da nosa casa nestas festas. 



Foron unhas xornadas moi familiares cheas de compañeirismo e espírito navideño, no que compartimos os nosos coñecementos en manualidades, ao  tempo que pasamos ratos de complicidade compartindo vivencias variadas na nosa aventura como nais. Foron días de duro traballo a contrarreloxo, que gracias a axuda de país e avós conseguimos rematar con éxito. 







Os mais pequenos acompañáronnos nas xuntazas xogando, lactando, en brazos sen perder detalle da novidosa actividade de mamá e tamén foron partícipes con actividades adaptadas. Unha delas, foi o amasado de pasta de sal para a posterior impresión das pegadas de mans e pés. Outra, foi a realización dun mural con pintura creando a forma dunha árbore de nadal formada polas mans entrecruzadas de toda a familia.





Un agradecemento especial a Paula, pola paciencia e adicación nestas xornadas. Gracias a súa implicación na actividade, espertou en nós a paixón polo traballo manual e feito en grupo, deixando un espazo para a creatividade de cada unha e aportando sempre ledicia e espírito de Nadal.

Tamén agradecer ás asistentes por participar na actividade e por facilitar a súa colaboración para permitir que as crianzas estiveran acompañadas nas xuntanzas ao tempo que as mamis desfrutaban da actividade.